Friday 17 de May de 2024

A Secretaría Xeral para o Deporte acorda a execución inmediata das obras para a reparación da cuberta do pavillón do complexo deportivo Agra I


A UTE concesionaria reparará de xeito inmediato os danos ocasionados pola cicloxénese explosiva Ana rexistrada o pasado 10 de decembro en Galicia
A Secretaría Xeral para o Deporte vén de acordar a execución inmediata das obras de reparación da cuberta e do pavimento do pavillón do complexo deportivo Agra I, tras anunciar o pasado 22 de xaneiro a urxencia destas actuacións.

Deste xeito a UTE concesionaria reparará de xeito inmediato os danos ocasionados pola cicloxénese explosiva Ana rexistrada o pasado 10 de decembro en Galicia. As filtracións da cuberta provocaron o deterioro da tarima, que non permite a realización de actividade deportiva con normalidade. Esta situación afecta gravemente ao uso por parte dos usuarios do complexo, aos clubs e federacións así como aos alumnos do IES Agra do Orzán.

Dada a urxencia e gravidade da situación, a sinatura deste acordo permite a execución directa das obras quedando a expensas dos conseguintes permisos e licencias municipais necesarias para a execución das mesmas.

As obras terán unha duración de dous meses e medio aproximadamente e consistirán na substitución completa da cuberta, así como na substitución parcial da tarima, vernizado e lixado da mesma.

Durante este período de tempo xa se levaron a cabo reparacións menores das zonas danadas do parqué, permitindo así o uso parcial do pavillón.